24/2/11

O vagalume

O entroido vai asolagando todas as escolas e a nosa non podía ser menos.
Aproveitando que estamos no ano internacional dos bosques, ese é o tema que escollimos para disfrazarnos.
Os nenos e nenas de infantil puxémonos de acordo e iremos de vagalumes.
O martes pola tarde estiveron nais e avoas axudando a debuxar, cortar e coser os patróns.
Xa o temos todo preparado, pero...

Qué sabemos dos vagalumes tamén chamados lucecús, vellas do caldo, ferriños, lucerlas...?
Pois que é un insecto dunha familia de coleópteros, que hai máis de 2.000 especies e que é fácil topalos preto de zonas húmidas de pantanos e rios pola noitiña.
Teñen duas antenas longas e articuladas, dous élitros, seis patas e o tórax case lle tapa a cabeza e comen caracois e lesmas.
E que no último segmento do abdome emiten unha luz brillante e intermitente debido á oxidación da proteina luciferina.
A maioria dos vagalumes que emiten luz son femias que queren atraer aos machos.
Ultimamente estase a notar un notable descenso de vagalumes debido ao exceso de luz artificial por zonas que o home vai humanizando e que fai que os machos se desorienten e non poidan fecundar as femias.